En Círculo falamos da esencia do ser humano e desa volta a nós mesmos, dese recoñecermonos no espello que é o "outro", e no espello do outro que somos nós. Falamos tamen da vida. Desas vidas que comezan e vidas que rematan, vidas que se entrelazan, ecos de vidas que se escoitan a través do tempo, a través do espazo. Como di Nano "A vida non é como un programa de televisión, todo moitas parvalladas e esas risiñas que poñen artificiais e todo moito no seu sitio. A vida é outra cousa, que nin se pode falar dela, que che queima a lingua se queres falar dela e que a túa boca non pode dicilo (...) A xente quérelle facer unha cirurxia estética á vida (...) O teatro ten cousas que non ten ningunha outra cousa, esa como dignidade de plantarse sen escapar a correr"