DES A AMAR Ultrasónico é un recital poético e musical no que o compositor Álvaro Iglesias recrea en notas musicais os poemas da escritora Elba Pedrosa.
Un espectáculo orixinal no que as palabras en fusión coas notas viaxan nunha dimensión ultrasónica que en apariencia pode semellar imperceptible para o ser humano. Pero a fondura da mensaxe, ese estado tan coñecido do desamor, latexará no espectador durante os 45 minutos que dura a obra escénica.
Doce poemas que tecen os fíos do amor e o seu oposto, da liberdade, do xénero, a dependencia e o futuro co constante latexar do mar. Doce composicións musicais creadas para falar cara a cara cos versos.
Emocións intensas, reflexión e elegancia apuntaladas por un orixinal vestiario e unha coidada posta en escena.