Asevera o autor, facendo uso do sentido do humor, que nos atopamos diante dun “drama ao cadrado”; esa curiosa definición podería levárnos a imaxinar un “culebrón”, ou un “melodramón”, ou un espectáculo “tremendo”. Pois non vai ser iso. Atopámonos diante dunha proposta moi especial: fermosa, chea de tenrura e humor, ao tempo que dura e profunda; unha escrita plena de sensibilidade que, como espectadores, levaranos a transitar camiños absolutamente imprevisíbeis. Desola ofrécenos un texto de moi alta calidade dentro dunha orixinal estrutura dramática e, xunto con iso, sitúanos nunha inquietante e conmovedora paisaxe humana. Personaxes adultas, fráxiles cal cativos, golpeados polas circunstancias que a vida lles impuxo, andan na procura dun burato que permita crer que existe a luz ao remate do túnel.
CONSELLERIA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DA XUNTA DE GALICIA Y AGADIC