La Strada conta a historia de tres personaxes que se atopan no camiño durante a postguerra. Todos eles están condenados polo seu propio carácter a un destino tráxico, que resulta inevitable. A través destes personaxes A Strada fala de todos nós, da nosa dificultade para cambiar, para loitar contra as ideas preestablecidas que moldean o noso pensamento, da nosa cegueira para romper as cadeas que nos impiden ser máis libres. La Strada, a gran obra de Federico Fellini é unha fábula de rabiosa modernidade. Unha traxedia onde o dramático e o simbólico conforman un relato poético sobre a fraxilidade coa que construímos o sentido da nosa vida.