FAÍSCAS é un canto cromático ao compañeirismo, ao respecto ao diferente e á solidariedade. Unha obra rebordante de colorido protagonizada por adolescentes que principian un camiño iniciático na procura de novos horizontes. Tras partir dunha situación de insatisfación, estes novos habitantes do século XXI insírense nunha travesía de inspiración acumulativa e circular na que abordarán diferentes eixos temáticos: a pobreza, o cambio climático, a inmigración, o complexo despertar no universo do amor na adolescencia, a violencia, o consumismo, o futuro das novas xeracións… Trátase dun divertido xogo onde a imaxinación xoga un papel chave, un alegato emotivo das inquedanzas do mundo adolescente que reterá a ollada curiosa durante o espectáculo e unha reivindicación do teatro como luz, movemento, son, música, ritmo, emoción, poesía…