Kepa Junkera saíu de escena o 6 de decembro de 2018 en Gante, Bélxica. Desapareceu, o seu acordeón deixou de soar. As noticias falaban dun ictus, un ingreso hospitalario de urxencias, proceso de recuperación e despois nada. O artista vasco que elevou a trikitixa e a música popular vasca ao máximo nivel, que publicou case un disco ao ano nos seus 32 anos de carreira, o autodidacta que se converteu no músico vasco máis internacional e que convidou a cantar en eúscaro a artistas de todo o mundo desapareceu sen deixar rastro. Despois chegaron dous anos de duro traballo, de sesións de rehabilitación para recuperar a mobilidade do seu corpo, para aprender a falar, mover as mans, virar a cabeza, comer, seguir vivindo. Porque Kepa segue vivindo, segue creando, emocionándose coa arte, coa música, coa poesía, coa pintura, coa fotografía. Este documental é o relato desa emoción.