Se Shakespeare é un dos construtores da alma humana moderna, como afirma Harold Bloom, nos dous fidalgos de Verona empezará a desenvolver moitos dos elementos que van definir esa concepción do ser humano.
Os dous fidalgos é unha das primeiras comedias nas que afina as tensións entre amizade e amor, tensións que ocupaban un espazo non menor na literatura de fins do Renacemento.
A amizade entendida como unha forma de amor sen sexo estaba a ser tratada desde moitas perspectivas e enaltecida como unha forma de alto compromiso sentimental oposta ás relacións amorosas.
Escrita pouco tempo antes que Romeo e Julieta, comparte con estes numerosos puntos de vista e de tensión dramática.
Atopamos tamén nela una das creacións máis emblemáticas do personaxe do criado cómico, que vai xerar un modelo que alimentará posteriormente tanto o teatro do Bardo como o dos seus seguidores.