Un hotel de primeira sobre o río, recibe o Premio Castelao en 1968 e desprega en tres actos a historia de Ruth, a protagonista, que vive nunha casa rodeada por leiras que ela traballa. Esta propiedade de titularidade compartida coa súa irmá que está emigrada en Europa, está afectada, ao igual que o resto da aldea e o val, por un proxecto urbanístico que pretende converter todo nun hotel cunha área recreativa.
Trátase dun clásico da nosa literatura dramática que xunto con "A outra beira do Iber" constitúe as únicas achegas ao teatro por parte dunha das figuras transcendentais da nosa literatura como é Xohana Torres.
A temática da ocupación do territorio e a relación entre a tradición e o mal chamado progreso é un tema de total actualidade na Galicia do século XXI. Do mesmo xeito, a autora, fai un achegamento á relación coa emigración galega que ainda fai eco enormemente no noso presente.