
Sarabela Teatro e a Escola da Noite de Coimbra estrean pasadomañá unha das obras máis recoñecidas de Wajdi Mouawad, nunha produción bilingüe única en galego e portugués.
O Teatro Principal de Ourense acolleu hoxe a presentación de “O sangue das promesas: Incendios”, a coprodución internacional de Sarabela Teatro e A Escola da Noite de Coimbra, que se estreará pasado mañá e inaugurará a nova tempada do espazo cultural dependente da Deputación Provincial de Ourense.
Á presentación asistiron o vicepresidente segundo da Deputación Provincial, César Fernández; a directora do Teatro Principal, Olga Mouteira; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora de escena, Ángeles Cuña Bóveda; e Igor Lebreaud, membro da repartición e representante da Escola da Noite.
César Fernández subliñou a singularidade de inaugurar o programa cun proxecto destas características, sinalando que “esta estrea representa moi ben a vocación do Teatro Principal como espazo para a cultura de calidade, para a creación e para os encontros, reforzando neste caso a través do teatro os profundos lazos culturais que unen Galicia e Portugal”.
A produción leva a escena Incendios, do dramaturgo canadense-libanés Wajdi Mouawad, considerada unha das grandes traxedias contemporáneas. A proposta reúne a nove intérpretes galegos e portugueses que comparten o escenario utilizando ambos os idiomas, galego e portugués, nun proxecto pioneiro que profunda a colaboración cultural a ambos os dous lados do Miño.
“O sangue das promesas: Incendios” reinterpreta os códigos da traxedia grega de forma contemporánea a través da historia de Nawal Marwan e os seus fillos xemelgos, nun relato sobre a guerra, a memoria, a identidade, a violencia e a procura das propias orixes.
A coprodución conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e o Teatro Principal, alén da Xunta de Galicia, a través de Agadic, e a Cámara Municipal de Coimbra.