Estase a librar a nai das batallas. Non é a primeira vez na historia, aínda que algunha das veces pode ser a derradeira. A loita é, a grandes riscos, entre a utopía e distopía.
Un grupo de persoas traballadoras está sendo oprimido polo seu xefe. A conciencia vai aflorando nese grupo ata que estoura a insurrección e conseguen facerse co control dos seus medios de traballo e de subsistencia.
Conseguen o control sobre as súas vidas. A partir dese momento ábrese un tempo de esperanza que dá cabida ao repouso, ao traballo con sentido, a tempos para a música, para a danza, para o pensamento. Aparecen tempos para a amizade, para o humor e para a colaboración nunha sociedade que é, por fin, a de todas.
Mais hai quen se sente máis forte e con máis dereito a desfrutar do que é común e que, pouco a pouco, lentamente, vai cambiando as normas da colaboración e volvendo o lugar liberado nun lugar de explotación aínda peor que o que había antes.
A medida que a súa situación no traballo e nas condicións de vida empeora, e que os excesos dos que tomaron o poder son maiores, a maioría vai esquecendo a revolta, vai perdendo a memoria pola propaganda incansable dos novos opresores. Vai dividíndose, vai perdendo as forzas...
El haberá algunha posibilidade, nalgún momento, de facer unha nova insurrección?