C’est la vie é a vida condensada. Unha reflexión intensa e calidoscópica sobre o tempo e os seus rastros. Matrioshka tende aquí fíos entre a sorpresa de recoñecerse nese segundo que nos cambia a vida e a excitación de comprender que as horas se aceleran proporcionalmente á velocidade do corazón. Ensamblada peza a peza coma un delicado mecanismo de reloxería, aloumiñada ata o máis mínimo detalle para lograr que o espectador e espectadora se erga da butaca sentíndose tocado por unha brisa fresca e evocadora, C’est la vie ten o poder de arrastrar a quen a ve a un universo inesperado e fascinante.